Subvención para a adquisición de ordenadores persoais para traballadores autónomos
Investimentos subvencionables e contía das axudas
Contémplanse como investimentos subvencionables a adquisición de ordenadores persoais que dispoñan das adecuadas ferramentas de software libre no referente ás aplicacións ofimáticas e de acceso a internet.
O investimento deberá contemplar como mínimo os seguintes elementos:
- Adquisición dun ordenador persoal portátil ou de sobremesa, con procesador con arquitectura semellante a x86 de 32 bits, ou superior. O ordenador deberá incluír sistema operativo Linux
- O ordenador deberá dispor de navegador de internet en Software Libre tipo Mozilla Firefox versión 2.0 ou superior.
- O ordenador deberá dispor de paquete ofimático en Software Libre tipo OpenOffice versión 2.0 ou superior.
- No caso de ordenadores de sobremesa poderán estar incluídos os periféricos de usuario necesarios (pantalla, teclado e rato).
Non se considera subvencionable a adquisición de licenzas de software adicionais á subministración básica do ordenador persoal, outros periféricos (por exemplo: impresoras, discos externos, etc), ou outro tipo de terminais (axendas electrónicas, tablet PC, teléfonos móbiles, etc).
Entenderase como investimento subvencionable os custos nos que incorra cada beneficiario como consecuencia da subministración por parte dalgunha das entidades colaboradoras, sempre que a adquisición e posterior mantemento da propiedade se realice cumprindo todos os requisitos e trámites aquí establecidos.
Cada solicitante só poderá ser beneficiario dunha axuda ao abeiro do réxime de axudas recollido na Orde do 26 de xuño de 2008.
A axuda acadará o 45 % do investimento subvencionable, cun límite máximo de 350 € para cada solicitante. O investimento subvencionable determínase aplicando a porcentaxe de axuda sobre a base impoñible, excluíndo o IVE correspondente, que deberá ser aboado na súa totalidade polo beneficiario.
Estas axudas xestionadas por AVA Soluciones Tecnológicas, S.L. serán incompatibles con calquera outro tipo de axuda pública ou privada que poida recibir o beneficiario para a adquisición do mesmo investimento.
A porcentaxe de axuda do 45 %, aquí establecida, está determinada de acordo coas directrices sobre axudas de Estado de finalidade rexional para o período 2007-2013 (2006/C 54/08, DOUE 4.3.2006) en relación co mapa de axudas de finalidade rexional para o período 2007-2013 en España, aprobado pola Comisión Europea o 20.12.2006.
|